Órganos responsables Órganos responsables

Os responsables da aplicación da estratexia de comunicación 2014-2020 dos Programas Operativos FEDER e FSE Galicia e da normativa comunitaria en materia de comunicación son, dentro do ámbito das súas competencias, as autoridades de xestión dos programas operativos, o organismo intermedio rexional dos programas operativos e os beneficiarios ou calquera organismo ou entidade que, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, interveña de forma directa na coordinación ou desenvolvemento das accións programadas.

No ámbito do organismo intermedio dos programas operativos antes indicados, que é a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, correspóndelle á Subdirección Xeral de Seguimento e Control dos Fondos Comunitarios as competencias nesta materia.

Concretamente, tal e como establece no Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de  Facenda, modificado polo Decreto 11/2019, do 7 de febreiro, correspóndelle á dita subdirección xeral a coordinación e o seguimento das actuacións de información e comunicación asociadas ao desenvolvemento dos programas operativos nos que a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos actúa como organismo intermedio.

Tamén a nivel autonómico habería que facer mención á Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios, creada polo Decreto 184/2007, do 13 de setembro e modificado polo Decreto 132/2010, do 1 de xullo.

A súa regulación está recollida no Decreto 139/2012, do 29 de xuño. A esta comisión, entre as súas funcións, atribúeselle a  de coordinar e velar polo cumprimento das actuacións en materia de información e publicidade das operacións financiadas con fondos estruturais.

No devandito decreto prevese que no seo da Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios poidan crearse grupos de traballo ou  subcomisións para cuestións específicas de cada un dos fondos ou con calquera das competencias que ten atribuídas a comisión. Nesta previsión enmárcase a creación da  Subcomisión de Información e Publicidade dos Fondos Europeos.

Por último, os órganos xestores de ambos os programas operativos designaron a representantes en materia de comunicación que están recollidos de forma actualizada na Guía de Comunicación 2014-2020 dos Programas Operativos  FEDER e  FSE Galicia.

A nivel nacional, cabe destacar a constitución no ano 2007 do Grupo Español de Responsables en materia de Información e Publicidade, coñecido como  GERIP. Este grupo está integrado polas persoas responsables nesta materia representantes da autoridade de xestión do  FEDER e do  FSE e das Comunidades Autónomas.