Novas Novas

Atrás

Máis de 175.000 persoas beneficiáronse xa en Galicia das actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo 2014-2020

Máis de 175.000 persoas beneficiáronse xa en Galicia das actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo 2014-2020
23/05/2021
  • O 71% das persoas beneficiadas son mulleres
  • Desde o inicio do programa aprobáronse 164 operacións por importe de 450 millóns de euros en todos eixes de actuación

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2021.- Un total de 175.305 persoas beneficiáronse xa en Galicia das actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo FSE 2014-2020. Delas, 124.711 son mulleres, o que supón o 71% das persoas beneficiadas. Estas actuacións teñen como obxectivo apoiar o emprego e a formación, e loitar contra a pobreza e a discriminación.

Desde o inicio do período de programación, aprobáronse 164 operacións por importe de 450 millóns de euros en todos os eixes de actuación. No eixe 1 centrado na formación e o emprego de calidade, destacan os programas de incentivos á promoción do emprego autónomo, o programa Emega para o fomento do emprendemento feminino; ou as axudas ás entidades locais para a promoción da conciliación. Ademais, debido á situación de pandemia promoveuse o apoio á teleformación de persoas ocupadas en sectores estratéxicos ou as axudas á contratación de técnicos por parte de organismos empresariais.

No eixe 2 de promoción da inclusión social e a loita contra a pobreza e calquera forma de discriminación, reforzouse o apoio a entidades de iniciativa social e corporacións locais para actuacións de inclusión social ou a formación ocupacional de menores. Destacan tamén o programa de recursos para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, as subvencións para a atención integral de persoas en situación de explotación sexual ou o plan especial de reforzo de persoal técnico para a valoración da discapacidade.

No referido ao investimento para conseguir unha educación de calidade (eixe 3), seguiron desenvolvéndose no curso 2019-2020 programas como o de mellora da aprendizaxe e do rendemento (PMAR), os ciclos medios de Formación Profesional en 73 centros educativos, ou as axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades galegas.

Comité de seguimento
Todos estes datos presentáronse no Comité de seguimento do Programa Operativo FSE 2014-2020 correspondente ao pasado exercicio, que se celebrou a semana pasada de xeito telemático. Durante a reunión tamén se tratou a programación para a incorporación dos recursos procedentes dos fondos REACT-UE co obxectivo de reparar a crise derivada da pandemia da covid-19 e as súas consecuencias sociais, e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía.

Por parte da Xunta de Galicia presidiu a reunión, o director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó; así como representantes da Comisión Europea e da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo (UAFSE) do Ministerio de Traballo e Economía Social. Interviñeron igualmente representantes das organizacións económicas e sociais con máis representatividade en Galicia. "O FSE inviste no teu futuro"