As políticas da Unión Europea As políticas da Unión Europea

A Unión Europea puxo en marcha unha serie de políticas que  constitúen as liñas de actuación que esta decide seguir en determinados ámbitos, que afectan directamente á vida dos cidadáns e das empresas coas que se pretende lograr os obxectivos xerais que se fixou. Entre elas podemos sinalar agricultura, pesca, medio ambiente, sanidade, dereitos dos consumidores, transporte, turismo, enerxía, industria, investigación, emprego, cultura, educación, deporte, entre outros.

No ámbito desta diversidade de políticas, cabe destacar a política de cohesión, que constitúe a principal política de investimento da Unión Europea. O seu obxectivo é apoiar a creación de emprego; a competitividade empresarial; o crecemento económico; o desenvolvemento sustentable e a mellora da calidade de vida dos cidadáns en todas as rexións da Unión Europea.

Búscase con esta política reducir as disparidades entre os niveis de desenvolvemento das súas distintas rexións. Préstase especial atención ás zonas rurais, ás zonas afectadas por unha transición industrial e ás rexións que padecen desvantaxes naturais ou demográficas graves e permanentes como, por exemplo, as rexións máis setentrionais con escasa densidade de poboación e as rexións insulares, transfronteirizas e de montaña.

Desta maneira, a cohesión económica, social e territorial constitúe unha expresión da solidariedade entre os Estados membros e rexións da Unión Europea. Favorece o desenvolvemento equilibrado do territorio comunitario, a redución das diferenzas estruturais entre as rexións da Unión e a verdadeira igualdade de oportunidades entre as persoas.