Estructura da xestión dos fondos Estructura da xestión dos fondos

A execución dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos presenta unha clara distribución das competencias entre os Estados membros e a Comisión Europea, baseándose nun modelo de execución compartido. A Comisión Europea ten competencias de desenvolvemento  normativo da lexislación sobre fondos europeos, xestión financeira e supervisión e control da normativa reguladora destes fondos. Pola súa banda, corresponde aos Estados membros a súa execución, asumindo as responsabilidades de xestión, control e auditoría.

No ámbito deste reparto competencial, cada Estado membro da Unión Europea é o responsable de designar unha autoridade de xestión, unha autoridade de certificación, unha autoridade de auditoría e, no seu caso, organismos intermedios de execución do programa.

 

A Autoridade de Xestión é unha autoridade pública, nacional, rexional ou local ou un organismo público ou privado designado polo Estado membro para xestionar e executar un programa operativo. Realiza funcións relacionadas coa xestión do programa operativo, a selección de operacións ou a xestión e control financeiro do programa operativo. É a responsable da xestión e aplicación efectiva dun programa operativo.

 

A Autoridade de Auditoría é unha entidade ou organismo público, nacional, rexional ou local, funcionalmente independente das autoridades de xestión e certificación, designadas polo Estado membro para cada programa operativo e responsable da verificación do funcionamento efectivo do sistema de xestión e control.

Entre as tarefas da autoridade de auditoría inclúese a comprobación do funcionamento eficiente dos sistemas de control e xestión (auditorías de sistemas). Tamén é responsable de realizar os controis especificamente dirixidos aos gastos declarados (auditorías operativas).
As funcións da autoridade de auditoría son asumidas pola Intervención Xeral do Estado.

 

A Autoridade de Certificación é unha autoridade ou organismo público, nacional, rexional ou local designado polo Estado membro para garantir a precisión das declaracións de gastos e solicitudes de pagamento antes de seren enviados á Comisión Europea. Por iso, é responsable de comprobar por unha banda, que a declaración de gastos é exacta, e que se realizou aplicando sistemas de contabilidade fiables e que se basea en documentos verificables e, por outra, que o gasto declarado é conforme co dereito aplicable na materia e que se realizou en relación con operacións seleccionadas para financiamento, de conformidade cos criterios aplicables ao programa e de conformidade coa lexislación aplicable.

 

Cómpre mencionar tamén os Organismos Intermedios. Están definidos como todo organismo público ou privado que, ben actúe baixo a responsabilidade dunha autoridade de xestión ou de certificación para o desempeño de determinadas tarefas propias desas autoridades, ben desempeña competencias en nome de tal autoridade en relación cos beneficiarios que executen as operacións nas que se concreta a execución dun programa operativo determinado.

 

Finalmente, cabe mencionar os Órganos de Xestores dos fondos comunitarios, que poderían definirse como aqueles órganos ou unidades administrativas da Administración autonómica galega que realizan actuacións, a través dos distintos métodos de xestión (contratación, subvencións), que son financiadas con fondos comunitarios.

 

A continuación, e para cada programa operativo, poderase obter información respecto ás autoridades e órganos indicados: