Glosario de termos

Principais definicións de conceptos empregados na xestión de fondos comunitarios

O Regulamento (UE)  nº  1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, na súa primeira parte, recolle unha serie de definicións de conceptos utilizados na xestión dos fondos comunitarios.

Neste apartado figuran algúns dos conceptos máis comunmente utilizados cando nos referimos aos fondos comunitarios.

  • Categoría de rexións: a categorización dunha rexión como:
    • Rexión menos desenvolvida, cuxo PIB per cápita sexa inferior ao 75% do PIB medio da Europa dos Vinte e sete.
    • Rexións en transición, cuxo PIB per cápita estea entre o 75% e o 90% do PIB medio da Europa dos Vinte e sete.
    • Rexións máis desenvolvidas, cuxo PIB per cápita sexa superior ao 90% do PIB medio da Europa dos Vinte e sete.
     
  •  Programación: proceso de organización, toma de decisións e asignación de recursos financeiros en varias etapas destinado a executar, con carácter plurianual, a acción conxunta da Unión Europea e dos Estados membros a fin de alcanzar os obxectivos da Unión Europea para un crecemento intelixente, sustentable e integrador. A programación fai referencia aos mecanismos administrativos utilizados para alcanzar os obxectivos dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos.
     
  • Programa operativo: é o documento aprobado pola Comisión Europea para desenvolver un marco comunitario de apoio, integrado por un conxunto coherente de eixos prioritarios compostos por medidas plurianuais, para a realización do cal pode recorrerse a un ou máis fondos comunitarios. Os programas operativos son plans detallados nos que os Estados membros establecen como se gastará o diñeiro procedente dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos durante o período de programación.
     
  • Obxectivo específico: resultado ao que contribúe unha prioridade de investimento ou unha prioridade da Unión Europea nun contexto nacional ou rexional particular, mediante accións ou medidas emprendidas dentro de tal prioridade.
     
  • Operación: un proxecto, contrato, acción ou grupo de proxectos seleccionados polas autoridades de xestión do programa de que se trate, ou baixo a súa responsabilidade, que contribúan a alcanzar os obxectivos dunha ou varias prioridades.
     
  • Beneficiario: un organismo público ou privado e, unicamente a efectos do Regulamento do Feader e do Regulamento do FEMP, unha persoa xurídica, responsable de iniciar e executar as operacións. No contexto dos réximes de axudas de Estado, o organismo que recibe a axuda.
     
  • Gasto público: toda contribución pública ao financiamento de operacións que teñen a súa orixe no orzamento de autoridades públicas nacionais, rexionais ou locais, o orzamento da Unión Europea relacionado cos Fondos EIE, o orzamento de organismos de dereito público ou o orzamento de asociacións de autoridades públicas ou organismos de dereito público.
     
  •  Instrumentos financeiros: as medidas da Unión Europea de axuda financeira adoptadas con carácter complementario con cargo ao orzamento para a consecución dun ou varios obxectivos políticos específicos da Unión Europea. Poderán adoptar a forma de investimentos en capital ou cuasicapital, préstamos ou garantías, ou outros instrumentos de repartición do risco, e poderán, se procede, combinarse con subvencións. A finalidade do uso dos instrumentos financeiros non é unicamente lograr que o financiamento da política de cohesión sexa máis eficiente e sustentable, dado que os recursos devólvense e poden «reciclarse». Ao mesmo tempo, crean incentivos para que os investidores privados participen en proxectos e para que os proxectos aumenten o rendemento e exerciten maior disciplina financeira.
     
  •  Irregularidade: todo incumprimiento do dereito da Unión Europea ou do dereito nacional relativo a súa aplicación, derivado dun acto ou omisión dun operador económico que participa na execución dos fondos EIE, que teña ou poida ter un efecto prexudicial no orzamento da Unión Europea ao imputar a este unha partida de gasto inxustificado.

Outros conceptos de uso frecuente no contexto dos fondos europeos son os seguintes:

  •  Taxa de cofinanciamento: é a contribución que achegan os fondos da Unión Europea a un programa. Exprésase como unha porcentaxe do custo total do programa. O cofinanciamento está suxeito, polo xeral, a un limiar máximo definido como unha porcentaxe do valor total do programa ou unha parte do mesmo. A Comisión Europea especifica as taxas de cofinanciamento para cada programa operativo.
     
  •  Xestión compartida: o financiamento da Unión Europea pode adoptar dúas formas de xestión. Por unha banda os fondos xestionados central e directamente pola Comisión Europea, por exemplo, para a investigación. Por outra banda, fondos cuxa xestión se comparte entre a Unión Europea e os Estados membros, por exemplo, os Fondos Estruturais e o Fondo de Cohesión. A Unión Europea confía a xestión destes últimos aos Estados membros. O groso do gasto da Unión Europea inclúe fondos que se xestionan de maneira compartida entre os seus Estados membros da Unión Europea. No caso dos fondos de «xestión compartida», actualmente a Comisión Europea delega nos Estados membros a execución dos programas de ámbito nacional. Os Estados membros posteriormente distribúen estes fondos entre os destinatarios finais (por exemplo, empresas, agricultores, concellos, etc.).
     
  •  Subvencionabilidade do gasto: os criterios para optar á subvencionabilidade do gasto determinan se un custo concreto pode optar ao financiamento dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos. O Regulamento sobre disposicións comúns establece os principios básicos da subvencionabilidade do gasto a nivel europeo para asegurar a coherencia das normas aplicadas nos Estados membros. Os criterios pormenorizados formúlanse a nivel nacional. Para que unha partida de gasto poida optar a financiamento, un requisito previo establece que debe pagarse entre a data de presentación dos programas operativos á Comisión Europea ou desde o 1 de xaneiro de 2014 (o que sexa anterior) e o 31 de decembro de 2023. A Comisión Europea tamén adoptou unha lista de partidas de gasto que non teñen dereito a optar ás contribucións dos fondos EIE, por exemplo, o interese da débeda e o imposto de valor engadido recuperable.