Programas operativos

Definición

De acordo coa normativa europea, a execución dos fondos estruturais e de investimento europeos levarase a cabo a través de programas, que serán elaborados polos Estados membros.

Os programas operativos son plans detallados nos que os Estados membros establecen como se gastará o diñeiro procedente dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeo durante o período de programación. Pódense elaborar para unha rexión específica ou para un obxectivo temático de alcance nacional (por exemplo, medio ambiente).

En cada programa operativo especifícase cal dos 11 obxectivos temáticos, nos que se concentra a política de cohesión para o período de programación 2014-2020, serán abordados cos fondos dispoñibles para os programas operativos.

Estes obxectivos temáticos son os seguintes:

  • Obxectivo temático 1: Fortalecemento da investigación, do desenvolvemento tecnolóxico e da innovación.
  • Obxectivo temático 2: Mellorar o acceso, uso e calidade das tecnoloxías da información e as comunicacións.
  • Obxectivo temático 3: Mellora da competitividade das PEMES.
  • Obxectivo temático 4: Apoio á transición cara a unha economía de baixas emisións de carbono.
  • Obxectivo temático 5: Fomento da adaptación ao cambio climático e xestión e prevención de riscos.
  • Obxectivo temático 6: Preservación e protección do medio ambiente e promoción da eficiencia dos recursos.
  • Obxectivo temático 7: Fomento do transporte sostible e mellora das infraestruturas de rede.
  • Obxectivo temático 8: Fomento dun emprego sostible e de calidade e apoio á mobilidade laboral.
  • Obxectivo temático 9: Fomento da inclusión social e loita contra a pobreza e contra calquera tipo de discriminación.
  • Obxectivo temático 10: Investimento en educación, formación e aprendizaxe permanente.
  • Obxectivo temático 11: Mellora da eficiencia da administración pública.

O investimento do FEDER financiará os 11 obxectivos, pero as súas principais prioridades para o investimento son os obxectivos 1 ao 4.

As principais prioridades do FSE son os obxectivos 8 ao 11, aínda que tamén financia do 1 ao 4.

Contido

De acordo coa normativa europea, cada programa operativo presentará unha estratexia sobre a contribución do programa á estratexia da Unión Europea para un crecemento intelixente, sostible e integrador.

Debe presentar unha xustificación da elección dos obxectivos temáticos e das prioridades de investimento baseada na determinación das necesidades rexionais e, no seu caso, nacionais.

Coa finalidade de fortalecer a orientación da programación cara á consecución de resultados, incluirá os resultados previstos para os ditos obxectivos e os correspondentes indicadores de resultados, ademais dun valor de referencia e un valor previsto.

Conterán, tamén, unha descrición do tipo de accións apoiadas polos fondos comunitarios e exemplos destes. Esta descrición inclúe os principios reitores para a selección destas accións e, se é o caso, os principais grupos destinatarios, os territorios concretos destinatarios e os tipos de beneficiarios.

Presentarán as asignacións financeiras nas que se indicará, para cada ano, o importe do crédito financeiro total previsto para a axuda do fondo en cuestión. Tamén contarán, durante todo o período de programación e en relación co programa operativo e con cada eixe prioritario, o importe do crédito financeiro total da axuda do fondo en cuestión e da cofinanciación nacional.

Se é o caso, conterá unha lista dos grandes proxectos cuxa execución está prevista durante o período de programación. Un gran proxecto defínese como unha operación que inclúe unha serie de traballos, actividades ou servizos e está dirixida a efectuar unha tarefa indivisible dunha natureza económica ou técnica precisa; son obxectivos claramente definidos e cuxo custo total subvencionable supera os 50.000.000 € ou  75.000.000 € cando se trata de promover o transporte sostible e eliminar os estrangulamentos nas infraestruturas de rede fundamentais.

Especificarán quen actúa como autoridade de xestión, autoridade de certificación e autoridade de auditoría e o órgano ao cal a Comisión Europea debe realizar os pagamentos.