Aprobación Aprobación

O Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 foi aprobado pola Decisión de Execución da Comisión Europea C (2015) 897 final, do 12 de febreiro de 2015, pola que se aproban determinados elementos do Programa Operativo "Galicia", para o que se solicita axuda do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do obxectivo de investimento en crecemento e emprego destinada a Galicia, en España.

Este programa operativo foi obxecto de modificacións posteriores, mediante decisións da Comisión Europea de datas 22 de agosto de 2016, 30 de novembro de 2017 e 11 de decembro de 2018.

Na súa elaboración interviron tanto as administracións públicas involucradas (comunitaria, estatal, autonómica e local) como outras institucións e axentes económicos e sociais galegos que axudaron a definir unha estratexia de desenvolvemento rexional para o FEDER, despois dunha análise DAFO do diagnóstico da situación socioeconómica e territorial da Comunidade Autónoma.

A estratexia do Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) de Galicia para o período 2014-2020 foi deseñada en base a varios aspectos. Entre eles cabería destacar:

  • Os obxectivos da Estratexia Europa 2020.
  • A análise e diagnóstico nos ámbitos de intervención do FEDER, que permitiu identificar as principais necesidades e desafíos a abordar en Galicia para contribuír á consecución da cohesión económica, social e territorial.
  • A análise dos plans e estratexias en vigor da Xunta de Galicia para garantir que a programación do FEDER contribúa tanto ao desenvolvemento da política de cohesión da Unión como á consecución dos obxectivos estratéxicos marcados pola Xunta de Galicia en relación coas áreas de intervención do FEDER.
  • A experiencia previa en períodos de programación anteriores, especialmente no período 2007-2013.

O custo total estimado do actual Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 ascende a 1.142,1 millóns de euros, entre recursos públicos e privados, dos cales o 80% corresponde á axuda comunitaria (913,7 millóns de euros), o 16,3% corresponde ao cofinanciamento da Xunta de Galicia (186,5 millóns de euros) e o 3,7% restante será aportado polo sector privado (42 millóns de euros).

O enfoque e a selección dos investimentos estratéxicos que se prevén cofinanciar con este programa operativo, que pretende mellorar a calidade de vida da cidadanía galega, divídense nun primeiro desglose a través de 9 eixes e 19 prioridades de investimento, que se presentan a continuación en forma gráfica.