Procedementos e sistemas

Unha vez aprobados os programas operativos e para levar a cabo a súa execución, é necesario dispoñer dunha serie de documentos que establezan detalladamente os implicados na dita execución e as súas funcións, así como os distintos procedementos aos que haberá de aterse esa execución.

Estes documentos básicos son os documentos de descrición de funcións e procedementos e os documentos de criterios e procedementos de selección de operacións. Procederase á súa actualización cando sexa necesario para recoller calquera modificación que puidese producirse nas materias que son obxecto de desenvolvemento nos mesmos.

Estes documentos pódense completar con manuais de procedemento e as circulares que, se é o caso, poidan ditarse para desenvolver aspectos específicos da xestión dos fondos comunitarios.

Os documentos de descrición de funcións e procedementos regulan aspectos tales como:

  • As funcións e o organigrama do órgano intermedio e os órganos xestores do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
  • Os procedementos para a selección das operacións que poderían ser financiables polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
  • Procedementos de verificación de operacións financiables polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
  • Procedementos para garantir medidas eficaces e proporcionadas contra a fraude.

Desde a seguinte ligazón pódese acceder ao documento de descrición de funcións e procedementos do organismo intermedio para as accións cofinanciadas polo FEDER en España no período de programación 2014-2020 no Programa Operativo FEDER Galicia.

Entre as materias que se regulan no documento indicado anteriormente, pode destacarse o procedemento para a selección de operacións  financiables polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

O Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 inclúe, con respecto a cada unha das prioridades de investimento incluídas nos diferentes eixes, unha descrición indicativa dos principios reitores para a selección de operacións.

Asumindo e incorporando os ditos principios reitores elaborouse un Documento de criterios e procedementos de selección de operacións, transparente e non discriminatorios que aseguren a achega das operacións ao logro dos obxectivos e resultados específicos das prioridades de investimento identificadas, tendo en conta os principios horizontais de promoción da igualdade entre homes e mulleres e non discriminación e desenvolvemento sostible.

Neste documento, para cada actuación indícanse datos descritivos e, en particular, os criterios que haberán de cumprirse na selección e na priorización de operacións no marco da dita actuación.

Este documento, e as súas modificacións, ten que ser aprobado no correspondente comité de seguimento e é de acceso público a través da seguinte ligazón:

Dado o feito de que o período de inicio da elixibilidade de gastos comeza o 1 de xaneiro de 2014, a execución das operacións que poden ser financiadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional pode iniciarse antes da aprobación do documento de criterios e procedementos de selección de operacións e incluso antes da aprobación do programa operativo. Iso aconteceu no caso do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Coa finalidade de garantir que as operacións iniciadas con anterioridade á aprobación do documento indicado no parágrafo anterior resulten  elixibles, aprobouse un procedemento transitorio de xestión e control a aplicar con carácter previo á designación do organismo intermedio e á validación do sistema de xestión e control.

Este procedemento transitorio articulouse a través da Circular C1/1420, prorrogada pola Circular C2/1420, ás que se pode acceder a través das seguintes ligazóns:

Con estas circulares, o obxectivo é garantir a correcta configuración das operacións, o seu encaixe dentro dos parámetros de subvencionabilidad do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o cumprimento da normativa aplicable.