Seguimento
A normativa europea establece que os Estados membros deberán facer un seguimento dos programas operativos para examinar a execución e os avances na consecución dos seus obxectivos.
Para iso deben crear comités de seguimento, de acordo co seu marco institucional, xurídico e financeiro.
Entre as funcións dos comités de seguimento poderían sinalarse:
- Examinar a execución do programa operativo e o avance na consecución dos seus obxectivos.
- Examinar todas as cuestións que afecten ó rendemento do programa operativo.
- Emitir, no seu caso, o oportuno ditame sobre toda modificación do programa operativo proposto pola autoridade de xestión.
- Poderá formular observacións á autoridade de xestión sobre a execución e avaliación do Programa.
- Examinar e aprobar os informes de execución finais do programa operativo.
- Examinar e aprobar a estratexia de comunicación do programa operativo.
A súa constitución debe realizarse no prazo de tres meses a partir da data en que se notifique ao Estado membro a decisión pola que se adopta un programa operativo.
No caso do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, a dita constitución tivo lugar o 30 de marzo de 2015.
En canto ao seu funcionamento, a normativa comunitaria prevé que cada comité de seguimento adoptará o seu regulamento interno ao que se pode acceder a través do seguinte enlace:
O Estado membro decidirá a composición do comité de seguimento, que estará composto por representantes das autoridades competentes do Estado membro de que se trate e os organismos intermedios e por representantes dos socios, entendidos estes como as autoridades locais, os interlocutores económicos e sociais e representantes da sociedade civil.
Unha das funcións dos comités de seguimento é a de examinar e aprobar os informes de execución anuais e o final dos programas operativos.
Dende 2016 ata 2023 inclusive, os Estados membros presentarán á Comisión un informe anual sobre a execución do programa operativo do exercicio financeiro anterior.
Os informes de execución anuais presentarán a información clave sobre a execución do programa e as súas prioridades en relación cos datos financeiros, os indicadores comúns e específicos do programa operativo e os valores previstos cuantificados. Tamén presentarán un resumo das conclusións de todas as avaliacións do programa operativo dispoñibles durante o exercicio anterior, calquera asunto que afecte ó rendemento do programa, así como as medidas adoptadas.
Os informes de execución anual e final estarán a disposición do público, así como un resumo para o cidadán dos seus contidos.