Aprobación

O Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020 foi aprobado pola Decisión de Execución da Comisión Europea C (2015) 8894 final, de 8 de decembro de 2015, pola que se aproban determinados elementos do Programa Operativo "Comunidade Autónoma de Galicia de FSE 2014-2020", para o que se solicita apoio do Fondo Social Europeo no marco do obxectivo de investimento en crecemento e emprego para a Comunidade Autónoma de Galicia en España.

Na súa elaboración, participaron tanto as administracións públicas involucradas (comunitaria, estatal,  autonómica e local) como outras institucións e axentes económicos e sociais de Galicia, que contribuíron a definir unha estratexia de desenvolvemento rexional para o FSE, despois dunha análise DAFO do diagnóstico da situación socioeconómica e territorial da Comunidade Autónoma.

A estratexia do Programa Operativo de Galicia do FSE para o período 2014-2020 foi deseñada en base a varios aspectos. Entre eles habería que destacar:

  • Os obxectivos da Estratexia Europa 2020.
  • A análise da situación socioeconómica de Galicia, que permitiu identificar as principais necesidades e desafíos a abordar en Galicia para contribuír á consecución do progreso económico e social e a cohesión territorial de Galicia.
  • A análise dos plans e estratexias en vigor da Xunta de Galicia para garantir que a programación do FSE contribúa e sexa complementaria tanto ao desenvolvemento da política de cohesión da Unión Europea como á consecución dos obxectivos fixados pola Xunta de Galicia en relación cos ámbitos de intervención do FSE.
  • Experiencia previa en períodos de programación anteriores, especialmente no período 2007-2013.

O custo estimado total deste programa operativo ascende a 391,4 millóns de euros, dos que o 80% corresponde á axuda comunitaria FSE (313,1 millóns de euros) e o 20% restante será cofinanciado pola Xunta de Galicia (78,3 millóns de euros).

O enfoque e a selección dos investimentos estratéxicos que se prevén cofinanciar con este programa divídense nun primeiro desglose a través de 4 eixes e 12 prioridades de investimento, que se presentan a continuación en forma gráfica.