Tipos de fondos comunitarios
Fondos estruturais e de investimento europeos
Máis da metade dos fondos da Unión Europea canalízase a través dos cinco Fondos Estruturais e de Investimento Europeos (Fondos EIE), xestionados conxuntamente pola Comisión Europea e os países da Unión Europea.
Os Fondos Estruturais e de Investimento Europeos son os seguintes:
- Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER): aspira a reforzar a cohesión económica e social rexional a través do investimento en sectores que fomentan o crecemento para mellorar a competitividade e a creación de emprego. Este fondo tamén financia proxectos de cooperación transfronteiriza. Centra os seus investimentos en varias áreas prioritarias clave. Isto coñécese como «concentración temática»:
- Innovación e investigación
- Programa dixital
- Apoio ás pequenas e medianas empresas (pemes)
- Economía de baixas emisións de carbono
- Fondo Social Europeo (FSE): inviste nas persoas e céntrase en mellorar as oportunidades de emprego e educación. Tamén tenta axudar ás persoas desfavorecidas que están ao bordo da pobreza ou a exclusión social.
- Fondo de Cohesión: inviste en crecemento ecolóxico e desenvolvemento sustentable, e mellora a conectividade nos Estados membros cun PIB por baixo do 90 % da media da UE-27. O seu obxectivo é reducir as disparidades socioeconómicas e promover o desenvolvemento sustentable. Durante o período 2014-2020, España non é receptora deste fondo. No dito período, o Fondo de Cohesión apoia a Bulgaria, Croacia, Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Grecia, Hungría, Letonia, Lituania, Malta, Polonia, Portugal, República Checa e Romanía.
- Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER): céntrase na resolución de problemas específicos das zonas rurais da Unión Europea e contribúe a que as ditas zonas poidan facer fronte aos retos económicos, medioambientais e sociais.
- Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP): é o fondo das políticas marítima e pesqueira da Unión Europea para 2014-2020. Axuda aos pescadores para practicar unha pesca sustentable e ás comunidades costeiras a diversificar as súas economías, mellorando a calidade de vida nas zonas litorais europeas.
Todos estes fondos destínanse a investir na creación de emprego e nunha economía e un medio ambiente europeos sustentables e sans. Concéntranse principalmente en cinco sectores:
- Investigación e innovación
- Tecnoloxías dixitais
- Economía hipocarbónica
- Xestión sustentable dos recursos naturais
- Pequenas empresas
Son os tres primeiros fondos indicados, Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Fondo Social Europeo e Fondo de Cohesión, os que fundamentalmente contribúen á política de cohesión europea.