Avaliación Avaliación

A normativa europea considera necesario avaliar a eficacia, a eficiencia e o impacto da axuda dos Fondos EIE para mellorar a calidade na concepción e a execución dos programas e determinar os efectos dos programas en relación coas metas baseadas na Estratexia da Unión para un crecemento intelixente, sostible e integrador.

É aquí onde se enmarcan as avaliacións ex ante, as avaliacións durante o período de programación e a avaliación ex post.

Para mellorar a calidade da concepción de cada programa e para verificar que é posible alcanzar os seus obxectivos e metas, debe realizarse unha avaliación ex ante do mesmo.

Esta avaliación ex ante debe realizarse baixo a responsabilidade da autoridade encargada da preparación dos programas operativos. Presentaranse á Comisión Europea ao mesmo tempo que o programa, xunto cun resumo executivo.

As avaliacións ex ante valorarán, entre outros aspectos:

  • A contribución á estratexia da Unión para un crecemento intelixente, sustentable e integrador, tendo en conta os obxectivos temáticos e as prioridades seleccionadas e tendo presentes as necesidades nacionais e rexionais e o potencial de desenvolvemento.
  • A coherencia da asignación de recursos orzamentarios e as razóns da axuda proposta.
  • A coherencia dos obxectivos temáticos seleccionados, as prioridades e os obxectivos correspondentes dos programas operativos.
  • A pertinencia e claridade dos indicadores do programa operativo propostos.
  • A adecuación dos recursos humanos e capacidade administrativa para a xestión do programa operativo.

Desde a seguinte ligazón poderá acceder á avaliación ex ante:

 

Durante o período de programación levaranse a cabo avaliacións de cada programa operativo, especialmente para estimar a súa eficacia, eficiencia e impacto. A forma en que a axuda dos Fondos EIE contribuíu aos obxectivos de cada prioridade de investimento debe ser avaliada polo menos unha vez.

Todas as avaliacións serán examinadas polo Comité de Seguimento e enviadas á Comisión Europea. Por propia iniciativa, a Comisión Europea poderá facer avaliacións dos programas operativos, cuxos resultados serán enviados aos Estados membros e presentados ao Comité de Seguimento correspondente.

As avaliacións serán realizadas por expertos, internos ou externos, funcionalmente independentes das autoridades responsables da execución dos programas.

No caso do PO FEDER Galicia 2014-2020, a Xunta de Galicia e a autoridade de xestión decidiron polo menos realizar dúas avaliacións intermedias, nos anos 2017 e 2019.

Estas avaliacións estarán a disposición da cidadanía e a elas poderase acceder nesta sección:

 

Finalmente, a avaliación ex post realizarase pola Comisión Europea ou polos Estados membros en estreita colaboración coa Comisión Europea. Examinarán a eficacia e eficiencia dos Fondos EIE e a súa contribución á estratexia da Unión para un crecemento intelixente, sostible e integrador, tendo en conta os obxectivos establecidos nesa estratexia.

Esta avaliación completarase, a máis tardar, o 31 de decembro de 2024.

Para cada un dos Fondos de EIE, a Comisión preparará, a máis tardar o 31 de decembro de 2025, un informe de síntese que resuma as principais conclusións das avaliacións ex post.